Editorial Galaxia vén de recibir o Premio da Cultura Galega 2025 no ámbito das letras, un recoñecemento á súa traxectoria de 75 anos ao servizo da cultura galega e da edición en lingua propia.

A entrega tivo lugar no Parador de Santo Estevo, en Nogueira de Ramuín, nunha cerimonia que reuniu a algúns dos principais referentes culturais do país e que puxo en valor o papel da cultura como motor social, económico e identitario de Galicia.
O galardón foi recollido por Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia, e por Xosé Manuel Soutullo, director da mesma.
Desde Galaxia queremos expresar o noso agradecemento por este galardón, que entendemos como un impulso para seguir traballando na defensa e proxección do libro galego, da creación literaria e da nosa lingua.
Nesta edición, os Premios da Cultura Galega tamén recoñeceron o labor de proxectos como Baños Films, Bodegas Martín Códax, a asociación Sempre en Galicia, o lutier Antón Corral, a Bienal de Arte de Pontevedra, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e o proxecto «Aquí tamén se fala», configurando un mosaico representativo da riqueza e diversidade do ecosistema cultural galego.
Galaxia comparte este recoñecemento con todas as persoas que fixeron e fan posible o seu percorrido: autoras e autores, tradutoras, ilustradoras, librarías, lectoras e lectores, así como co conxunto do sector cultural galego. Un camiño colectivo que continúa.