Que a nosa lingua vaia facéndose presente en espazos que deberían ocupar de natural, é sempre unha boa nova. Nese espírito debemos enmarcar a participación de destacados representantes da nosa cultura nunha mesa redonda que a UNED organizou con motivo da Presidencia Española da Unión Europea, e en colaboración co Parlamento Europeo, sobre "As culturas de España e a súa relación con Europa".
Moderados polo eurodeputado Antolín Sánchez Presedo, o escritor Xavier Queipo, a crítica literaria Dolores Vilavedra, o especialista na obra de Otero Pedrayo, Craig Patterson e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, falaron, e en galego, entre outros asuntos, arredor da situación da literatura galega en Europa.
Dende a ligazón que atoparás á dereita destas liñas podes ver a mesa redonda completa en video.
Na súa intervención, Xavier Queipo comentou que "vivimos nunha sociedade mimética que nos fai perder as nosas propias características e facer o que fai todo o mundo, o que escribe todo o mundo. Estamos rodeados dunha parafernalia mediática que nos convence de que para ser lido, hai que facelo escribindo na lingua maioritaria" e concluiu sinalando que "un escritor non ten que escribir 'bonito', o que ten que ter, é liberdade para escribir, por iso eu avogo polo trinomio I+D+I. Hai que innovar na escritura, hai que investigar, hai que retorcer as palabras".
Para a profesora da Universidade de Santiago, Dolores Vilavedra, a relación de Galicia con Europa, "pasa pola relación de Galicia co Estado Español". A clave para evitar o fagocitamiento que a literatura española exerce sobre as culturas periféricas, como as denomina a profesora Vilavedra, consiste en desenvolver estratexias que eviten estes riscos "hai que establecer alianzas con outras culturas, hai que desenvolver os aspectos que poidan ser singulares da nosa propia identidade cultural. Actualmente, a literatura galega poderíase dicir que olla a Brasil, e o Brasil olla Galicia e Galicia, olla Europa".
Craig Patterson, afincado en Galicia, galego falante e estudoso do gran Otero Pedrayo, destacou a vinculación inmemorial de Galicia con Inglaterra e abundou na idea de que Europa constitúese a través do Camiño de Santiago.
En último lugar interviu o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, escritor, xornalista, premio Torrente Ballester e membro da Real academia Galega e do Consello de Cultura Galega. Remontouse aos anos 83, en que a instancias do Ministerio de Cultura realizouse un encontro de escritores de todas as linguas de España. "De aí naceron as mellores amizades. Faciamos pedagoxía, porque non se ama o que non se coñece. Se non nos coñecemos, asustámosnos, temémosnos e reaccionamos en contra. De aí, nace o rexeitamento e o medo. Por iso, este encontro facilitado pola UNED, é tan importante".
A proposta quedou enriba da mesa. "Temos que facer un esforzo por darnos a coñecer, sen negar a nosa identidade. Hai que consensuar e construir. Hai que seguir pedaleando, porque se nos paramos, caerémonos".