A presentación terá lugar hoxe xoves, ás 20.00 h, no Café Moderno (Fundación Caixa Galicia. Praza de San Xosé, 3) e contará coas intervencións de Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, e o autor, Carlos Mella. Xaime Toxo, presidente do Ateneo de Pontevedra, será o encargado de conducir o acto.

O economista e ex-vicepresidente da Xunta de Galicia, bota neste libro unha ollada ao tempo pasado mais sen a intención de o recuperar. Velaquí unha autobiografía novelada, un conto longo escrito cunha fina ironía e unha pluma áxil, ao tempo que descrida, no que se relata a Guerra Civil vista a través dos ollos dun neno, a mocidade durante o franquismo, a fartura da ilusión e as ambicións logradas… a inanidade final.

Con nidia vocación literaria, Carlos Mella conta o pasado sen morriña, relata o tempo vivido non como exercicio saudoso senón coa intención de traelo ao presente. Memorias dun ninguén está escrito coa lucidez de quen se contempla a si mesmo desde a distancia, de aí que o libro comece cunha afirmación contundente: "A vida necesita un escenario onde dar os brincos de ritual. […] Os actores, que somos nós, fóra do ambiente teatral, da atmosfera que se crea, somos uns seres anónimos, intercambiables. É dicir, uns ninguén".

O autor de Non somos inocentes bota a mirada atrás mais non para pintar a paisaxe con cores e luces rechamantes. Pola contra, faino criticamente, sen buscar unha consolación inútil. Mella parece sinalar que para contar a vida propia é precisa afastarse dela, ollala de lonxe para conseguir verse como un ninguén. Pintar a paisaxe, recrear o ambiente e a atmosfera para chegar a albiscarse durante un instante fuxidío nun todo incomprensible no que "só se escoita o silencio".

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR