O fillo de don Paco

Categoría: Opinión

Para moitos limiaos, Carlos Casares sempre foi o fillo de don Paco, un home entrañable que nos deu clase a moitos rapaces de Xinzo. Carlos, herdeiro natural desa xenerosidade que só recae nas boas persoas, reunía as virtudes do pai e, amais dun excelente escritor, era un gran xestor cultural, un humanista conciliador, un home culto, sen excesos nin erudicións estrafalarias, un conversador excelente -o mellor de Europa, segundo Juan Cruz-, un gran sedutor, responsable do maior carrexo de lectores para a nosa lingua. E do mesmo xeito que don Paco me aprendeu a ler, o seu fillo axudoume a comprender o mundo en galego, e sempre lle agradecerei a súa xenerosidade comigo e coas miñas novelas que el aplaudiu publicamente. A morte de Carlos foi unha terrible perda para o país, para a cultura galega e para os amigos, pero deixou unha obra narrativa tan importante que me atrevo a dicir que son as letras galegas as que se honran a si mesmas dedicándolle o seu día ao fillo de don Paco. Os seus discípulos aí estaremos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email