O ensino do portugués entre nós

Categoría: Opinión

Cando un mira para a Estremadura non deixa de ollar con certa envexa o pulo que o ensino da lingua portuguesa nos centros de ensino foi adquirindo co paso do tempo. A vontade de superar vellas barreiras e de ollar cara a un mundo no que o plurilingüismo, o coñecemento mutuo e o respecto á diferenza deben ser realidades asumidas, e máis cos pobos veciños, deita uns resultados realmente asombrosos.

Habendo tantas cousas en común, que ocorre entre nós? Os resultados dun dossier informativo que circula na rede son moi claros: no curso anterior impartiuse lingua portuguesa, como segunda lingua estranxeira en primaria, en apenas nove centros públicos de Ourense e dous de Pontevedra; obténdose uns resultados algo máis dispersos para secundaria.

Sen dúbida algo debe cambiar: talvez cumpra tanto publicitar e mellorar esta oferta educativa como discriminar positivamente esta opción educativa. Esta é a única maneira de quebrar con tópicos e prexuízos, de abrirse a unha cultura rica e heteroxénea que, malia o tópico, aínda hoxe está tan preto e tan lonxe. Particularmente, a experiencia ao impartir esta docencia resúltame cada vez máis gratificante pois ao afondar no coñecemento da lingua portuguesa, da súa cultura, aprendemos tamén a valorar, preservar e difundir o propio.

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email