O enigma de Embívicus: un clásico da literatura xuvenil

Categoría: Nova

Galaxia vén de reeditar no pasado mes de marzo, e coincidindo co 25 aniversario da súa publicación, O enigma de Embívicus, o clásico da literatura xuvenil de Xosé A. Perozo. Aparecido por primeira vez en 1992, e descatalogado durante anos, Galaxia recupera agora esta obra fundamental, que mesmo chegou a ser incluída na famosa Biblioteca 120 de La Voz de Galicia. No ano 2002, David Otero falaba de O enigma de Embívicus como o libro máis exitoso entre público e crítica que dera ao prelo Perozo, e animaba á súa lectura: “Collamos no texto deste libro para todas as idades -e con pretextos- as palabras de significados múltiples (non hai dúas iguais) para con elas tecer pensamentos e bordar coa nosa fantasía e maila nosa imaxinación uns sinais ourados de cultura, na literatura, propios do gozar dunha das mellores soidades, a lectura, conxugando niso os verbos saber e amar”.
Agora, 25 anos despois, a Editorial Galaxia achega de novo aos lecores a máis famosa novela infantil dun autor imprescindible nunha nova edición ilustrada por María Lires que fará as delicia de pequenos e maiores. Xa nas librarías!

Comparte nas túas redes sociais ou por email