A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia deron a coñecer esta mañá as obras finalistas da Gala do Libro Galego 2017, un galardón co que se pretende recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2016 en Galicia. As obras gañadoras serán determinadas por un xurado externo e daranse a coñecer o vindeiro 20 de maio nunha Gala que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
A Editorial Galaxia é a editora con máis nominacións, un total de dez libros que poden ser merecentes da máxima distinción. Parabéns para os nosos autores e autoras que fan posible que isto sexa así, que crean historias polas que apostar, ensaios rigorosos, obras de teatro interesantes ou música para romper as fronteiras. Parabéns para Mercedes Queixas, Antón Riveiro Coello, Inma López Silva, Xosé Monteagudo, Xavier Senín, Iria Collazo, Eli Ríos, Raquel Castro, Carlos Labraña e para a familia de María Fumaça. Sodes un orgullo para nós e toda a sorte o 20 de maio!!