O celtismo: un motivo literario vixente

Categoría: Opinión

Afirmaba Murguía que os poetas son máis libres que os historiadores no intento de recoller na súa obra a verdade conservada no corazón da multitude. Tamén lles axuda a innata disposición imaxinativa dos galegos coa tradición lendaria oral.
Cando me preguntan ou me trasladan dúbidas sobor disto, digo que tanto antes coma hoxe, a Galicia catalizadora de lendas artúricas e tradicións célticas segue a estar viva como motivo de inspiración para o escritor, como o está, e con notable éxito, noutras literaturas, e coido que se pode afirmar, nestes tempos en que case todo está inventado e xa falamos máis de re-creación que de creación, de que a fantasía céltica, a materia de Bretaña e as lendas artúricas, co seu tratamento da fidelidade amorosa, da sensualidade, da mitoloxía, a saudade, o desexo do imposible ou a identificación coa natureza, teñen tanto futuro na literatura coma calquera outro tema.
Chama a atención que, precisamente en Galicia, non exista inflación de narrativa destas características, cando noutras literaturas xorde cada día unha saga de inspiración céltica ou artúrica, polo que semella perfectamente válido seguir a buscar e a escribir boas historias con este trasfondo, tanto dirixidas a un público adulto como, por que non, a un máis novo. Máxime cando comprobamos o éxito inicial do celtismo entre nós. Se a procura das orixes a nivel persoal é unha obsesión na narrativa occidental; como non o ía ser a busca dunha orixe común, máis querida por máis lonxana?
Hogano atreveríame a dicir que xa non nos move a mesma idea cando nos poñemos a escribir unha obra de fantasía con inspiración céltica, desde logo non no sentido dos primeiros mestres. Foise abandonando o sentido romántico, puído xa de ideoloxización, de teoría e afectividade, aínda que se manteña o debate sobre un posible fondo común como alicerce e duración de certas lendas e crenzas. Non se busca un pasado glorioso para darlle pulo a unha nación sometida, senón, como adoita facer a novela histórica, tentar explicar o presente mediante feitos pasados, máis ou menos demostrados. Aínda que, aquí, e seguimos a ter a vantaxe dos poetas fronte aos historiadores, aboie certa néboa do norte, non necesariamente negativa, só misteriosa, e iso sempre nos engaiola, como lectores e como escritores, porque pode conseguir traer á imaxinación lugares da infancia, amplamente entendida.

Comparte nas túas redes sociais ou por email