Pasou un ano dende que empezaron a chegar noticias dunha cidade chinesa, de nome Wuham, onde se comezaba a falar dunha estraña infección vírica. Os cidadáns do continente asiático alertaban o mundo dos perigos desta anomalía que terminou por desembocar nunha pandemia global que hoxe se coñece como COVID-19.
Estendeuse por todo o planeta e fixo que todas e todos tivésemos que cambiar as nosas vidas. Acubillarnos nas nosas casas, protexernos e coidar os demais e a nós mesmos, levando máscaras, limitando o contacto social e afastándonos de todo o que coñeciamos como o noso mundo.
Sen dúbida, este foi o ano máis difícil dos últimos tempos e para axudarnos a comprendelo mellor, a industria editorial fíxose cargo de editar libros que nos explicasen o fenómeno que mudou as nosas vidas de maneira radical. Na Editorial Galaxia, publicamos a tradución de Pandemia! A covid-19 sacode o mundo, do destacado Slavoj Žižek, unha das mentes máis brillantes do mundo. Aborda, nesta obra traducida por Carlos Aymerich, os efectos da crise desatada pola pandemia do coronavirus e reflexiona sobre a necesidade de repensar a sociedade contemporánea.
Fotografía e texto mesturáronse en Illados. Diario dunha pandemia, para amosar, dunha maneira máis poética, como a primavera do 2020 mudou para sempre as nosas vidas. A escrita de María López Sández uniuse ás fotografías de Miguel Muñiz para crear esta reportaxe. A arte coma unha arma para enfrontármonos ao mundo e dotalo de sentido. Este libro fai unha demanda sobre factores tan importantes como os afectos, os vínculos ou a necesidade de refuxiarnos nas artes, para salvarnos.