Francisco Fernández del Riego, don Paco (Vilanova de Lourenzá, 1913- Vigo, 2010), dende os anos 30 desenvolveu un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia. Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus primeiros cen números. Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega.
Este ano a cultura galega bríndalle homenaxe dedicándolle as Letras Galegas 2023, festa que el ideou hai 60 anos. Para celebralo, na Editorial Galaxia publicaremos máis dunha ducia de obras da súa autoría ou dedicadas a súa inxente obra en prol da nosa cultura e do noso país.
Despois de inaugurar a Biblioteca Fernandez del Riego co volume Con Pondal en Bergantiños, no que o noso autor fai un percorrido pola vida e obra de do “poeta solitario que canta o mar e a costa brava” de Bergantiños; en xaneiro desta colección saía do prelo o libro, Lourenzá, obra na que Fernández Del Riego homenaxea e rende tributo a súa benquerida terra natal. Asemade neste mes tamén publicamos unha achega biográfica, Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia, da profesora Malores Villanueva quen tantas horas de confidencias compartiu con el.
Pero as publicacións máis relevantes da Biblioteca Fernandez del Riego, serán dous inéditos do autor, Diario da guerra, con prólogo de Lourenzo Fernández Prieto, Catedrático de Historia Contemporánea da USC, textos nos que o noso don Paco conta en primeira persoa o seu devir como combatente durante aqueles días terribles da Guerra Civil. E tamén, Memoria do París literario, unha obra na que pasea coa súa exquisita pluma polos cafés parisienses e a literatura francesa, en edición da profesora Malores Villanueva.
A estes relevantes inéditos seguirán tres reedicións de tres libros fundamentais na súa produción. Camiño andado, autobiografía, pero tamén crónica dun tempo, dunha xeración e dunha esperanza, onde asume a experiencia dos anos para percorrer, agora na memoria. O río do tempo, outro exercicio memorialista, unha volta á experiencia do pasado, sen renunciar ao porvir, que de seguro ha resultar proveitosa para as novas xeracións. E finalmente, A xeración Galaxia, a narración da aventura cultural e política protagonizada por un feixe de homes que nos anos máis escuros do franquismo loitaron pola supervivencia da identidade de Galaxia.
A Biblioteca completarase con Loitando pola Galicia que non foi, edición do historiador Justo Beramendi, e Fernández del Riego e a Arte, a cargo da historiadora da arte Beatriz Liz de Cea.
Tamén editaremos o Epistolario entre Ramón Piñeiro e Fernandez del Riego, nunha edición a cargo do profesor Enrique Monteagudo e Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol. E as Cartas ao meu amigo, escritas por Álvaro Cunqueiro ao don Paco, nunha edición do profesor Armando Requeixo.
E para rematar un álbum infantil para os máis pequenos titulado Don Paco, o home que valia por mil, escrito por Antón Mascato e ilustrado por Pepe Carreiro.
Con todas estas publicacións e con algunha outra máis, Galaxia pretende festexar e reivindicar a este loitador incansable que foi unha figura fundamental da nosa cultura.