“O amor, o odio, e a ignorancia”, unha conversa para pensar os malestares do noso tempo

Categoría: Nova

Editorial Galaxia publica O amor, o odio, e a ignorancia. Conversa con Carlos Callón, un libro no que o psicanalista Manuel Fernández Blanco reflexiona, nunha linguaxe próxima, sobre algunhas das principais cuestións e desafíos da sociedade actual.

A proposta parte dunha conversa impulsada polo profesor, investigador e escritor Carlos Callón, quen convida a Fernández Blanco a pensar arredor das tres grandes paixóns humanas que dan título á obra. O diálogo constrúese a partir dunha serie de citas que funcionan como punto de partida para abordar os síntomas da vida individual e colectiva.

De Umberto Eco a Shakira, de Ed Sheeran a Pilar Pallarés, de Fernando Pessoa a Donald Trump, cada referencia abre unha nova liña de reflexión. A partir delas, Fernández Blanco vai fiando un percorrido no que conflúen a experiencia clínica, a psicanálise e unha mirada atenta aos debates do presente.

Ao longo destas páxinas xorden alertas, preguntas, horizontes e algunhas respostas posibles ante os malestares do noso tempo. Unha conversa que busca facer accesible o pensamento psicanalítico e ofrecer ferramentas para comprender mellor aquilo que nos move, nos enfronta e, en ocasións, nos impide ver.

Manuel Fernández Blanco, nado na Coruña en 1959, é psicanalista e psicólogo clínico, membro da Escola Lacaniana de Psicanálise e da Asociación Mundial de Psicanálise. Traballou durante trinta e catro anos no Servizo de Psiquiatría do CHUAC e dirixe a Clínica do Campo Freudiano da Coruña, que facilita atención a persoas con poucos recursos. É autor de numerosos estudos e colabora na sección de Opinión de La Voz de Galicia.

Carlos Callón, nado en Ribeira en 1978, é profesor na Universidade de Santiago de Compostela e no IES San Clemente, ademais de investigador, ensaísta e poeta. Entre as súas obras destacan A abertura da boca, publicada por Editorial Galaxia en 2021, O libro negro da lingua galega e Vidas e historias LGBT da Idade Media. A súa traxectoria foi recoñecida, entre outros, cos premios Vicente Risco de Ciencias Sociais, da Crítica de Investigación e Rosalía de Castro de Lingua.

Comparte nas túas redes sociais ou por email