Nunha calorosa e entusiasta presentación o profesor Díaz-Fierros e Editorial Galaxia celebran a publicación de "A cuestión ambiental en Galicia"

Categoría: Nova

O 11 de maio no Consello da Cultura Galega Francisco Díaz Fierros Viqueira acompañado do seu editor Víctor F. Freixanes, do biólogo Uxío Labarta e de Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega, presenta A cuestión ambiental en Galicia. Raíces dunha nova cultura (1750-1972), o ensaio que acaba de sair do prelo hai uns días da man de Editorial Galaxia na súa colección de Ensaio e que os lectores poden atopar xa nas librerías.

Di o autor que esta é a historia do compromiso ambiental en Galicia, que remata no ano 1972, ano do Cumio da Terra de Estocolmo, porque se quere centrar nos antecedentes, nas raices, desta nova forma de entender a natureza que comezou a manifestarse no mundo occidental a partir desas datas e, que, máis ou menos, é a mesma que se sinte hoxe en día. Comeza coa Ilustración, porque a partir dela existe xa un xeito de pensar moderno, e se articula, como a maioría das historias ecolóxicas que se fixeron noutros países sobre catro eixos argumentais seguintes: 1) a toma de conciencia progresiva sobre o esgotamento de recursos, 2) o nacemento da nova teoría ecolóxica, 3) as preocupacións sanitarias e 4) un novo xeito de entender a natureza desde a sensibilidade estética e o compromiso ético.

Hai no libro unha grande cantidade de información e podería sinalarse o papel sobranceiro que xogaron os recursos mariños como o eido donde os galegos atoparon os argumentos máis evidentes sobre o carácter limitado dos recursos naturais. Así mesmo é salientable o papel que tiveron os escritores galegos, Rosalía en primeiro lugar, na creación e difusión dunha sensibilidade así como do compromiso ético coa natureza, no primeiro terzo do século XX, contribuiron movementos como os de renovación pedagóxica, o excursionismo e actividades como a festa da árbore e o incipiente turismo.

Logo da paréntese da Guerra Civil houbo en España feitos de carácter iniciático para o movemento ambientalista que se desenvolvería logo dos anos oitenta, cunha participación galega moi importante, como o recoñecemento de Doñana como reseva zoolóxica e a loita contra do aproveitamento do lago de Sanabria. En Galicia a cultura ambiental, tal como a entendemos hoxe, comeza a manifestarse a partir de finais dos sesenta en artigos que aparecen na revista Industrias pesqueras, pero será sobre todo no ano 1970, co afundimento do petrolero Policomander nas Illas Cíes e o cargueiro Erkowit na ría da Coruña, cando a problemática ambiental comece a trascender cara a opinión pública a través dos Medios de Comunicación.

Así Díaz-Fierros defende no seu ensaio que a cultura ambiental dos galegos agroma dunha ética e dunha sensibilidade que se configuran ao longo da historia, achéganos con el as orixes e a evolución do pensamento sobre os límites dos recursos naturais na sociedade galega. A natureza como recurso, a recepción do pensamento ecolóxico, o enfoque sanitario da problemática ambiental, a natureza como paisaxe e referencia cultural e a aparición da cultura ambiental son os eixos arredor dos cales se desenvolve este ensaio histórico no que se recollen os principais fitos que acabarían constituíndo as raíces e desenvolvemento dunha cultura moi presente na sociedade de hoxe.

Comparte nas túas redes sociais ou por email