Novo libro de Luís González Tosar

Categoría: Nova

Luís González Tosar iniciouse na poesía en 1986, co libro A caneiro cheo. Xa fora daquela unha revelación literaria. Posuidor dun poderoso alento, que semella alimentarse das raíces máis profundas da terra (Guimarás) e da memoria, a palabra poética amosaba xa entón unha persdonalidade e unha forza certamente senlleiras. Vintedous anos despois volve á poesía cun título novo, que Editorial Galaxia vén de publicar nunha edición especial, ilustrada polo pintor Quintana Martelo.

Acompañado dos seus amigos e dalgúns outros editores (Bieito Iglesias, Miguel Anxo Fernán Vello, Victor Campio, Gonzalo Navaza, o pintor Antón Lamazares, Luciano Rodríguez…) o poeta presenta o seu libro nas principais poboacións galegas. En outono dará un recital en Compostela, acompañado do violinista armenio Kamo Petrosyan.

Entre 1986 e a actualidade, Luís González Tosar publicou non moitos títulos, pero todos moi intensos e recoñecidos, tanto por parte dos lectores como por parte da crítica, entre outros: Remol de travesías (1989), Coa forza da palabra (1993), Estación marítima (1996), Madeira do meu canto (1998)… Recibiu numerosos premios e desenvolveu unha forte actividade cultural, parte dela dende a presidencia do Pen Club de Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email