Novidades na redacción de GRIAL

Categoría: Nova

A escritora e catedrática de didáctica da ciencia, Marilar Aleixandre, e o xornalista e profesor de comunicación da Universidade de Santiago, Francisco Campos, veñen de incorporarse ao consello de redacción da revista GRIAL, que se enriquece deste xeito con novas liñas de traballo.

Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) ten un amplo e celebrado currículo como escritora, tanto no ámbito da creación literaria (narrativa e poesía) como no ensaio e na produción científica. Premios coma o Merlín en 1994, varias veces o Premio da Crítica, o premio Álvaro Cunqueiro de narrativa ("A compañía clandestina de contrapublicidade, 1997), o premio Manuel Murguía, o premio Esquío de poesía, o premio Lazarillo ("A banda sen futuro", 1999), o premio Xerais de novela ("Teoría do caos", 2001), o premio Caixanova, o premio Fundación Caixa Galicia para literatura infantil, etc., salientan unha traxectoria dedicada ás letras galegas con importante proxección exterior, pois está traducida a varios idiomas.
No ámbito científico (foi unha das máis novas catedráticas de Bioloxía de España), participou dende moi cedo no eido da didáctica da ciencia, producindo materiais en galego para o ensino destas materias e participando en numerosos foros internacionais e en libros colectivos.

Francisco Campos Freire (Castro de Rei, Lugo, 1953), xornalista, doutor en Ciencias da Comunicación, foi director xeral da CRTVG (1994-2005) e presidente da FORTA (1994, 1997, 2001 e 2004), ademais de exercer durante anos a profesión en distintos medios (director do xornal La Región de Ourense, 1985-1990) ou da Axencia Galega de Noticias (1990-1994).
A súa especialidade académica son as industrias culturais e da comunicación, nas que vén desenvolvendo unha importante actividade como investigador, orientado cara ás novas tecnoloxías e as redes sociais, tanto dentro como fóra de Galicia, principalmente en universidades de Latinoamérica. Entre outras representacións é membro da Asociación Galega de Investigadores da Comunicación (ASGIC), do Arquivo da Comunicación do Consello da Cultura Galega, da Sociedade Española de Periodística (SEP), da ULEPICC-España, Fundación TIC, Asociación Internacional de Marketing de Periódicos (INMA) e Asociación Mundial de Periódicos (WAN).

Comparte nas túas redes sociais ou por email