Novidades Galaxia para o Ano Díaz Castro

Categoría: Nova

Como todos os anos, a Editorial Galaxia publicará un mollo de novidades centradas no autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, desta volta, Xosé María Díaz Castro.
Do prelo da nosa editorial sairán tres volumes que permitirán unha achega completa á súa vida e á súa obra.
Así, por unha banda publicaremos a 'Poesía galega completa' un libro que reúne nun único volume todos os poemas escritos polo autor na nosa lingua. A edición é de Armando Requeixo. No seu conxunto, esta obra pon por xunto máis de dous centos poemas e inclúe:
1) A obra édita exenta: o tríptico sonetístico 'Nascida d’un sono' (1947) e mais o poemario 'Nimbos' (1961).
2) A obra non compilada: un conxunto de preto dunha trintena de textos que foron aparecendo en diversas revistas, xornais e volumes colectivos ao longo de máis de medio século e que recolle dende os primeiros versos publicados polo autor en 1931 ata os derradeiros, aparecidos xa postumamente.
3) Os cadernos poéticos inéditos e outros materiais: tanto os poemarios inéditos 'Follas verdes' (1934) e 'Follas ô aire' (1935) coma outra trintena de poesías que ficaron en follas soltas e que o poeta non deu nunca ao prelo.
Publicamos tamén 'Nimbos', o poemario de Díaz Castro coas últimas revisión ao texto que o autor realizou en vida da man do seu amigo o poeta Luis González Tosar. Este inclúe un epílogo no que narra a súa relación con Díaz Castro e a fixación definitiva do seu texto poético.
E, finalmente, o libro 'Xosé María Díaz Castro. Vida e obra', unha biografía do poeta, cunha análise sintética da súa obra, escrita polo profesor e crítico literario Armando Requeixo.
Un conxunto de interesantes publicacións para achegarnos ao poeta e autor de 'Penélope' dende moitos puntos de vista e con moitos niveles diferentes de profundidade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email