Non somos nada

Categoría: Opinión

Non cómpre tanto debate respecto a que libros son ou non son verdadeira literatura, pois só aqueles que sexan quen de soportarse a si mesmos co devir dos decenios e unha vez independizados dos seus autores, terán a consideración de auténtica literatura; cando unhas mentes preclaras literariamente e propicias o consideren a tempo transcorrido, con escritor moi consagrado ou finado. Pensar que nós, tempo presente e libros circulando polo panorama editorial galego (extrapolable a calquera ámbito literario mundial), temos potestade para decidir cal pasa e cal non cal porteiro de garito, é, canda menos, infantil.Outro cantar son as ditosas etiquetas, pois poden prexulgar e/ou facernos prexulgar uns contidos literarios interesantes e anovadores e arrequecedores. E cando escribo etiquetas estoume a referir a eses adxectivos pouco afortunados que se estilan de xeito parello coa cinematografía: romántica, histórica, policíaca, mistérica, intrigante, bestseller (valga este anglicismo como adxectivo) e que, por gusto persoal, impiden aos lectores acceder a ideas literarias mais amplas que quizais lles interesaran baixo outro común denominador. Os amantes da literatura clásica universal témoslle unha tirria especial a eses corsés, pois non casan ben cos autores pertencentes ao canon literario. En canto aos creadores de libros hai división de opinións, pois mentres uns escriben alén etiqueta algunha e se anoxan se alguén lles suxire algún xénero para seus escritos, outros crean ad hoc para esas clasificacións, con pretensións soamente económicas en ocasións.
Pero ningún dos dous comportamentos é reprobable pois cada quen escribe cunha intención diferente, unha motivación distinta e, en definitiva, un espíritu persoal. Por iso antes de dicir a mínima sobre unha obra concreta deberíamos saber con qué espírito foi pensada e escrita polo seu autor; en que grao sentiu a chamada dos tambores da literatura e a dos tambores do pecuniario, en que grao se preocupa pola satisfacción dos lectores e en que grao purga seu interior para facerse mellor persoa… Algo que denota a importancia que ten que os escritores se coñezan moi ben a si mesmos antes de enfrontarse ao lenzo. E unha vez coñecidos, que se poñan a escribir, que o tempo xa se encargará de facer o resto. Nós, como dixo aquela señora do velorio, non somos nada!

Comparte nas túas redes sociais ou por email