Mámoa, 10 anos Pel con Pel

Categoría: Opinión

O ano 2000 marcou a miña vida, naceu a miña filla Argantael e uns meses máis tarde rexistrábamos os estatutos fundacionais da Asociación Galega Pro-lactación Materna Mámoa. Sentíamos a necesidade de nos xuntar para resolvermos dúbidas á hora de aleitarmos os nosos bebés, de nos apoiarmos mutuamente e de nos formarmos. Así, organizamos cursos técnicos nos cales persoal do mundo sanitario nos proporcionaba unha formación valiosa para suplir así as carencias d@s xinecólog@s, pediatras, enfermeir@s, pois é de lamentar que na Galiza só o hospital do Salnés goza da acreditación da Unicef ‘Iniciativa Hospital Amigos dos Nenos’ (IHAN).

Ás veces, dar o peito require apoio e asesoramento, e víame obrigada a chamar a Asturias ou a Cataluña, ao non existir nos noso país ningún grupo de apoio á lactancia. Daquela vivimos situacións absurdas e rocambolescas como aquel día no Xulgado cando unha compañeira aleitaba a súa filla recentemente nacida, achegóuselle o garda de seguridade e díxolle: “Vete al baño, por favor!” Ao cal contestoulle a muller: “Acaso vostede come no baño?!”. Felizmente, ao longo destes dez anos, foron xurdindo grupos galegos con nomes tan suxerintes como Achuchar, Alma, A peito, Bico de leite, BBTTA, Chuchamel, Coliño, Criando, Deleite, Kanguras ou Pinga doce.

Recentemente saíu esa nova no New York Times: nos Estados Unidos, 12.000 mulleres son detidas cada ano por aleitaren en público. Ao coñecermos tod@s as vantaxes da lactación materna, non se entende que siga a provocar tanta polémica e rexeitamento nalgún caso. Deixemos ás mulleres escolleren libremente o seu dereito de aleitaren. Recuperemos o que é noso; o noso corpo! Mirade a magnífica cortametraxe de Iciar Bollaín, El parto es nuestro” protagonizado con mestría por Luís Tosar

e o espléndido libro de fotos editado por Galaxia Pel con pel”!

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email