No pasamento de Xoán Bernárdez Vilar

Categoría: Nova

Con fonda tristura recibimos a nova do pasamento de Xoán Bernárdez Vilar, autor e investigador, que deixa tras de si unha obra marcada pola paixón pola historia, a cultura e os relatos que constrúen a identidade dun pobo.

Nado en Marín en 1936, desenvolveu ao longo da súa vida unha intensa actividade intelectual, tanto no eido da investigación histórica como na narrativa. As súas colaboracións en publicacións como Algália ou Galicia Social deron mostra dun pensamento rigoroso, sempre atento aos procesos sociais e á memoria colectiva. No terreo da ficción, deixou novelas imprescindibles como Un home de Vilameán, ¡Ouveade, naves de Tarsish!, Vento do Norte, vento do Sur e O ano do cometa, galardoada co Premio Xerais en 1986.

Desde Galaxia puidemos acompañalo en viaxes literarias como O rei Artur, onde explorou con sabedoría e afán divulgador os alicerces do mito artúrico e a súa presenza na nosa tradición, e A etapa portuguesa de Colón e a súa viaxe Ultra Tile, un achegamento lúcido a unha das figuras máis controvertidas da historia marítima, galardoado co Premio Taboada Chivite 1992.

Home de ollada ampla e espírito curioso, foi quen de plasmar nas páxinas de ¡Xerusalén, Xerusalén! as complexidades dun conflito histórico, narrado desde a experiencia directa e o compromiso co entendemento entre pobos.

Marcha un autor que soubo mirar o pasado para iluminar o presente, e que fixo da palabra escrita unha ferramenta de reflexión, memoria e beleza.

A capela co seu corpo instalarase hoxe, en Vigo, no Tanatorio de Pereiró (Avenida de Castrelos, 212) de 18 a 21 h. Mañá, día 26 de marzo, celebrarase un oficio relixioso, ás 16 h, na capela do propio Tanatorio. A continuación, será trasladado ao cemiterio de Bouzas (rúa Cañiza 2 – Coia).

Comparte nas túas redes sociais ou por email