Entrega do Premio San Clemente a Antón Riveiro Coello, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O escritor Antón Riveiro Coello recollerá mañá, martes 25 de marzo, o Premio Literario San Clemente, na categoría de novela en galego, pola súa obra Hotel Carioca. O acto de entrega celebrarase no IES Rosalía de Castro de Santiago, ás 18 h.

O galardón, decidido por un xurado único formado por alumnado de Bacharelato, recoñeceu a novela do autor de Xinzo de Limia como unha “obra redonda, moi ben construída e escrita”. Destacaron tamén a súa “intriga constante, con moitos xiros, que logra que os lectores e lectoras manteñan unha atención continua”.

Hotel Carioca é unha obra poliédrica, que se abre coma unha matrioska para agochar dentro unha novela de formación, unha psicolóxica, outra policial… sempre guiadas por un estilo lírico, áxil e envolvente. Riveiro Coello aborda temas de gran profundidade emocional e social: a aceptación da homosexualidade, os coidados, a eutanasia, a emigración, a descuberta da sexualidade, a amizade e, sobre todo, o fascinante mundo da creación artística.

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964). É un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual e, entre a súa obra, traducida a varias linguas, destaca Valquiria (1996), Premio Camilo José Cela; Parque Central e outros relatos (1996); A historia de Chicho Antela (1997); A quinta de Saler (Galaxia, 1999), Finalista Premio Torrente Ballester; Animalia (Galaxia, 1999), Premio Café Dublín; As rulas de Bakunin (Galaxia, 2000), Premio García Barros; Homónima (Galaxia, 2001), Premio Álvaro Cunqueiro; Cartafol do Barbanza (2002); A esfinxe de amaranto (Galaxia, 2003); Limaiaé (2005); Casas Baratas (Galaxia, 2005); A voz do lago (Galaxia, 2007), Os ollos de K (Galaxia, 2007), Finalista Premio Novela Europea Casino de Santiago; As pantasmas de auga (2010); Laura no deserto (Galaxia, 2011), Premio da Crítica Española, Premio de Narrativa da AELG e Premio Frei Martín Sarmiento; Acordes náufragos (Galaxia, 2013); Os elefantes de Sokúrov (Galaxia, 2015), Premio Fervenzas Literarias; A ferida do vento (Galaxia, 2016), Premio Frei Martín Sarmiento; Á sombra dos bonsais (Galaxia, 2017); e O paraiso dos inocentes, Premio Torrente Ballester 2019 (Galaxia, 2020).

Comparte nas túas redes sociais ou por email