Galaxia estrea os seus primeiros audiolibros infantís

Categoría: Nova

Editorial Galaxia dá un paso máis na súa aposta pola literatura galega abríndose ao mundo dos audiolibros infantís. Con esta nova colección, as crianzas poderán gozar de historias inesquecibles escoitando voces que farán voar a súa imaxinación.

As primeiras obras escollidas para inaugurar esta iniciativa son Daniel no peirao, de Paula Carballeira, ilustrado por Eli Ríos; Ícaras, de Carlos Labraña, ilustrado por Mara Méndez; e Hermilindo esbirra poemas, de Paula Señarís, ilustrado por Laura Romero. 

Unha proposta que amosa como se pode vivir o libro tamén a través da escoita. Os audiolibros permiten que a literatura chegue a máis espazos e persoas, fomentando a atención activa, a comprensión oral e o gusto polas historias. Son ideais para acompañar viaxes, momentos de xogo ou mesmo para antes de durmir.

As gravacións foron dirixidas por Teresa Santamaría, e contan cun reparto de voces que dá vida, emoción e personalidade a cada personaxe. A través de interpretacións corais, moi coidadas, respéctase o ton e a alma de cada obra.

Daniel no peirao, de Paula Carballeira. A primeira obra de teatro sobre o intelectual rianxeiro.

Intérpretes: Ana Lemos, Isabel Vallejo, Ana Maciñeiras, Cristal Álvarez, Teresa Santamaría e Julio Lorenzo.

Podedes mercalo nesta ligazón.

Ícaras, de Carlos Labraña. Esta lectura recomendada a partir dos 10 anos, conta a historia de Lía.

Lía garda un segredo, a súa nai fíxolle unhas ás con plumas de cores, pero non lle ensinou a voar. Ana, unha estudante universitaria que traballa na hamburguesaría do barrio, nin sequera ten ás. Nun anoitecer, vanse cruzar os seus camiños e descubrirán que hai máis cousas que as achegan, que aquelas que as separan. Indo xuntas, serán capaces de voar?

Voces: Montse Dávila, Teresa Santamaría e Isabel Vallejo.

Podedes mercalo nesta ligazón.

Hermilindo esbirra poemas, de Paula Señarís. Publicada na colección Árbore de Galaxia, esta lectura está recomendada a partir dos 10 anos. No mundo mecánico está totalmente prohibido pronunciar palabras bonitas. Por este motivo, o protagonista, Hermilindo, debe ocultar un segredo: esbirra versos que lle saen do seu corpo de latón. Unha historia fabulosa e imaxinativa que achega á cativada ao mundo das emocións e as palabras.

Voces: Julio Lorenzo, Ana Maciñeiras, Bea García e Teresa Santamaría.

Podedes mercalo nesta ligazón.

Comparte nas túas redes sociais ou por email