Morre aos 73 anos, na súa residencia en Lake Worth, en Florida, o escritor Martin Amis.
Nado en Swansea, Sur de Gales, en 1949, é autor de nove novelas, entre elas Money (1984), The Information (1995) e Yellow Dogs (2004). Entre os seus libros salientan tamén a autobiografía Experience (2002) e a crónica Koba the Dread (2002). No ano 2006, Editorial Galaxia publicou a tradución galega da súa novela A casa dos encontros e no 2010 A viúva preñada.
A obra narrativa de Amis nace nunha das súas preocupacións centrais: a natureza da masculinidade e a relación entre a sexualidade masculina e a violencia. A voz narradora de A casa dos encontros forza ao lector a tomar partido, a situarse perante o que a novela conta, a aceptalo ou a rexeitalo, co que a lectura se converte nun proceso aberto, de intercambio activo entre texto e lector.