Presentación de “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872)”, en Ourense

Categoría: Nova

O martes 23 de maio, celebrarase, ás 19:30 h, na libraría Eixo de Ourense, a presentación de Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872), de Xosé Ramón Veiga.

Acompañando o autor, estarán Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

A Fundación Juana de Vega e a Editorial Galaxia presentan o libro sobre unha das mulleres máis influentes do século XIX, referente da intelectualidade e o compromiso social, con motivo do 150 aniversario do seu falecemento.

Juana de Vega foi unha muller progresista e liberal, avanzada para a súa época, que deixou unha gran impronta non só na cidade da Coruña senón tamén en toda Galicia e resto do Estado. Este libro busca poñer en valor e dar a coñecer a figura desta ilustre coruñesa que, a pesar de ser unha das mulleres máis destacadas do século XIX, ten unha historia aínda pouco coñecida. Como afirma o seu autor, “queremos que Juana de Vega deixe de ser só un nome dunha rúa no centro da cidade da Coruña e pase a converterse no que realmente é, un referente do século XIX”.

O libro mostra a faceta menos pública de Juana de Vega, así como a súa actividade política, que pola súa condición de muller sempre estivo nun segundo plano a pesar da súa incansable loita e o seu gran interese polo liberalismo progresista. Para o desenvolvemento do libro contouse con documentación inédita, á que ata o momento non se tivo acceso, tanto procedente do Arquivo Histórico Nacional como documentación privada da propia Juana de Vega.

Tal como explica o autor, o obxectivo co que arrancou este proxecto foi definir a esta ilustre muller nunha única frase. Unha tarefa excesivamente complicada pola súa ampla e intensa traxectoria vital, relata Xosé Ramón Veiga, que tras un arduo traballo de investigación e documentación considera que o percorrido desta excepcional coruñesa poderíase condensar en tres palabras. “Cumprir co deber” foi a frase elixida para mostrar a súa dedicación e traballo constante para o seu servizo á sociedade, e mesmo tamén á memoria do seu marido, a súa atención aos nenos orfos, ás mulleres do rural e tantas causas ás que dedicou a súa vida Juana de Vega, cun legado que recolleu a fundación que lle da nome, e que se dedica a cumprir os obxectivos marcados pola súa benefactora como un dos referentes e exemplo de compromiso da sociedade civil co progreso da comunidade galega.

Para coñecer a vida e o legado de Juana de Vega pódese visitar tamén a mostra itinerante que permanecerá ata o 26 de maio no edificio de Facultades de Ourense e que despois viaxará a outras localidades galegas.

A mostra continuará viaxando ata cidades como Vigo, onde se poderá desfrutar a partir do día 31 de maio, no Edificio Redeiras da UVigo. 

Comparte nas túas redes sociais ou por email