No pasamento de Begoña Caamaño

Categoría: Nova

A nova sacuduinos coma un lóstrego fatal na mañá de hoxe luns. Logo dunha batalla dura e valente contra da enfermidade, Begoña Caamaño finaba na mañá deste luns 27 de outubro. En días vindeiros sucederanse actos na súa lembranza dos que iremos informando convintemente.
Begoña Caamaño era, sen lugar a dúbidas, unha das voces máis singulares da literatura galega actual. A nova, sacudindo as redes dende o instante exacto no que se coñeceu, foi acompañada dunha etiqueta moi precisa: ela era "a voz lila da nosa literatura". A súa ollada feminista e comprometida, contando as historias dende os ollos das mulleres e en clave de muller, son unha das marcas de identidade dunha obra que, a pesar dos seus poucos títulos, é inmensa e irrepetible. Por iso, cando a semana pasada presentabamos en Madrid a tradución do seu 'Circe ou o pracer do azul', a ninguén estrañou que Ángel Basanta, presidente dos críticos españois cualificara, precisamente, o seu xeito de contar como o propio "dunha voz excepcional".
Apagouse a súa vida. Pero a súa obra é xa inmorrente.
Descansa, Begoña Caamaño.

Comparte nas túas redes sociais ou por email