"Non sei se a morte de Fariña tivo algún eco entre nós", escribe Vicente Araguas, "mais eu, que adoito transitar polos nosos xornais, nada atopara ao respecto. E non é ata agora que sei por Manolo Pereira Valcárcel que o noso compañeiro de tertulia no Comercial finara o 19 de agosto no ano en curso, en Madrid. Soubémolo porque o Manolo, pois o Fariña deixara de vir polo café, escribíralle unha carta interesándose pola ausencia. A resposta estaba como nunca no vento (e agora si que o vello Dylan tiña toda a razón): o un fillo de Fariña Jamardo respondeu dicindo que o mestre xa non ía volver onda nós".
Xosé Fariña Jamardo (Caldas de Reis, 1919-Madrid, 2008) iniciara a súa andaina literaria en 1957, cun libro de poemas: Carballiño. Poemas ao xeito vello para uinha vila nova, mais a súa preferencia era a narrativa: Co sorriso nos beizos (1969), O mesón do birollo (1971), A liñá (1980), Tiroliro a sete voces (Galaxia, 1984) e Golfaróns de sangre (1989). En castelán era autor dunha intreresante novela sobre o mundo do wolframio en Galicia: La balada del wolfran (1977).
Funcionario do corpo de secretarios da administración local, como historiador e ensaista dedicou especial atención ao mundo das parroquias e os concellos galegos: A personalidade da parroquia galega (1976), Concellos abertos na Limia (1982), O nacemento dos axuntamentos na provincia de Pontevedra (1987).