No Día Mundial do Teatro, Galaxia publica 'Máquina Hamlet e outras pezas'

Categoría: Nova

Hoxe, 27 de marzo celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Teatro, e co gallo desa efeméride, Editorial Galaxia publica o libro de Heiner Müller, ' Máquina Hamlet e outras pezas', dentro da colección ESAD-Galicia, cun estudo introdutorio a cargo do profesor Alfonso Becerra de Becerreá.

A obra do dramaturgo alemán sitúase entre un realismo crítico inicial e unha exploración ulterior da condición posmoderna na súa orientación máis crítica e aceda, aquela que quere cuestionar as normas, os preceptos, o canon, explorando formas de enfrontar una realidade nova, moitas veces rota e fragmentada. Nesa dirección, a súa obra recolle as convulsións que no plano histórico, filosófico e político vive o mundo occidental na segunda metade do século XX.

Heiner Müller foi un dramaturgo e director de escena alemán que desenvolveu unha parte importante da súa traxectoria artística na República Democrática Alemá, aínda que, a partir de inicios da década de 1960, comenzou a ter problemas coas autoridades políticas e as súas pezas foron censuradas en diversas ocasións. As súas obras foron representadas en Europa e nas Américas e pasou a se converter nun símbolo da rebeldía e da renovación teatral coa escenificación de textos tan significativos coma Hamletmachine, e cos seus propios traballos como director en compañías independentes ou no Berliner Ensemble. En 1959 recibiu o Premio Heinrich Mann e en 1990 o Premio Kleist.

Comparte nas túas redes sociais ou por email