Na noite meiga

Categoría: Nova

Esta noite os galegos celebramos unha das nosas festas populares máis fermosas.
A noite de San Xoán é un pretexto para estarmos na rúa, ao carón das lumieiras cacharelas que nos recordan que, en efecto, todo é fugaz, pero que todo tamén se rexenera e que todo é cíclico e cambia, polo xeral, para mellor.
Galicia enteira arderá esta noite apertada ao lume salvador que levará con el todas as nosas angueiras para deixarnos unha posibilidade de resurrección. Porque na fogueira de San Xoán queimarase todo o negativo para, coas cinzas, rexurdir só o bo.
Noite máxica por excelencia, a noite de San Xoán representa un punto de inflexión no calendario astronómico e vital da nosa terra. Solsticio de verán. Luz case que perpétua durante un día enteiro. E as xentes e as herbas de San Xoán e as sardiñas e as gaitas e, outra vez, o lume purificador, dando esperanza e beleza nunha noite de aquelarre e festa.
O San Xoán é, probablemente, a celebración laica máis comunitaria de todas cantas nos unen como país. Un motivo, outro máis, para a felicidade.
Queimade as tristuras! Mañá, coas cinzas, abrollará nova luz!

Recentemente, a nosa editorial botou a andar unha nova colección, dirixida aos máis pequechos baixo do título xenérico "Pimpín por aquí non vin" na que se lle achegan as nosas principais festas populares, como o Magosto, o Samaín, os Maios ou o Entroido. O San Xoán, por suposto, ten tamén o seu propio libro ilustrado por Jacobo Fernández e que servirá para que entendan, en toda a súa dimensión lúdica e festiva, a esencia desta celebración.

Comparte nas túas redes sociais ou por email