O primeiro de decembro de 1979 falecía nun hotel de Vigo o escritor Eduardo Blanco Amor. Infarto de miocardio. Ingresou prácticamente cadáver no sanatorio do doctor Toscazo. Trasladado á súa cidade natal, Ourense, está soterrado no cimiterio de San Francisco. Tiña daquela 81 anos.
No Liceo Recreativo da cidade de Ourense pódese admirar estes días e ata mediados de decembro a mostra de fotografías "A ollada do desexo", organizada pola Editorial Galaxia e promovida pola delegación provincial da Consellería de Cultura, que a está a facer circular por toda a provincia. A seguinte poboación será moi probablemente Verín.
Trátase dunha escolma de case un cento de fotografías, de entre os case que 4.000 negativos que están depositados no arquivo da Deputación Provincial de Ourense, nos que Eduardo Blanco Amor, ao longo da súa vida, foi proxectando unha das súas paixóns: a fotografía. Retratos, autorretratos, crónica de amigos, lembranzas de viaxes, traballos de carácter xornalístico, composicións artísticas, etc., configuran unha exposición na que Blanco Amor se nos presenta dun xeito diferente, complementario da súa actividade como narrador, poeta, dramaturgo ou xornalista.
A viaxe a Marrocos de 1938, por exemplo, ofrece unha selección de magníficas fotografías de tipos humanos e lugares. Italia (Roma, Nápoles e Capri) centran unha parte da atención do artista nos anos 60. Buenos Aires e o exilio están presentes. Tamén a Segunda República. Castelao, Rafael Alberti, Teresa León, Luís Seoane, Indalecio Prieto, os exiliados… A vila de Ourense adquire unha dimensión especial a través da súa cámara, así coma outras poboacións de Galicia e fóra de Galicia (Noia en 1938, por poñer un caso), incluída a viaxe a Chile en 1948.
"A ollada no desexo" está recollida nun libro, publicado por Editorial Galaxia. Carlos Lema seleccionou e editou os orixinais, cun estudo introdutorio, e na publicación, que se integra dentro da Biblioteca de Autor Eduardo Blanco Amor, colabora tamén, cun ensaio interpretativo, a escritora e catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago, Margarita Ledo Andión.
Ao longo das próximas semanas están previsos unha serie de actos na memoria de Eduardo Blanco Amor en Ourense, que incluirán unha homenaxe do PEN Clube de Galicia á súa memoria, coa edición dun texto inédito do escritor, "Sonetos a Angel", en colaboración con Editorial Galaxia, e o tradicional roteiro polas rúas e prazas da cidade onde se desenvolven os personaxes blancoamoriáns (13 de decembro).