Morreu Xosé Neira Vilas

Categoría: Nova

VENRES, 11.30 HORAS
Esta noite morría, aos 87 anos de idade, o escritor Xosé Neira Vilas na súa casa de Gres en Vila de Cruces.
Dende hoxe ás 18.00 h velarase o seu corpo no Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval e mañá sábado, ás 17.30 horas realizarase unha cerimonia na Igrexa de Santiago de Gres. Nesa localidade descansará canda a súa muller, finada hai uns anos, Anisia Miranda.
Neira Vilas é o autor do libro máis vendido na historia da literatura galega, "Memorias dun neno labrego", libro fundacional da nosa literatura infantil e xuvenil e traducido a ducias de idiomas do mundo. Na nosa Editorial temos unha Biblioteca dedicada en exclusiva a un dos autores máis prolíficos das nosas letras.
Xosé Neira Vilas foi un destacado representante da cultura galega no exilio nos anos máis difíciles, e importante activista, canda a súa compañeira inseparable, a tamén escritora Anisia Miranda, a prol da cultura de nós en Cuba e a totalidade de América.
Na Editorial Galaxia estamos consternados polo pasamento do autor que, en días vindeiros, ía presentar na librería Pedreira e no Culturgal a súa nova novela, "Romería de historias". Mantemos todos os actos en pé. Estamos certos de que a Pepe, como de maneira agarimosa se lle coñecía, lle gustaría que seguisemos a falar dos seus libros a pesar de que el xa non estea con nós.
Que a terra lle sexa leve a un dos máis grandes de entre Nós.

Comparte nas túas redes sociais ou por email