Merchi Rodal presenta o seu novo receitario, Novas lambetadas dunha larpeira feliz, mañá mércores día 2 de decembro ás 20h na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Cangas, onde estará acompañada polo concelleiro de Cultura da localidade, Heitor Mera, por Xosé Cermeño e por Víctor F. Freixanes.
Merchi Rodal, colaboradora do programa Larpeiros da TVG, iniciouse en 2010 como autora de libros de cociña con As lambetadas de Larpeiros, que nestas alturas leva impresas cinco edicións que dan boa conta do grande éxito dos seus doces entre o público atento ás novidades gastronómicas. Con Novas lambetadas nunha larpeira feliz, volve agasallarnos con máis de 70 gorentosas propostas, que recollen un amplo abano de especialidades: biscoitos e madalenas; chocolates; cremas, mousses e flans; galletas e pastas; tortas e pasteis; froitas e marmeladas… Variadas receitas e orixinais combinacións de ingredientes para conseguir uns postres espectaculares, como ben testemuñan as presentacións fotográficas de Estefanía Cal e Laura García.
Na conversa con Paula Cermeño que introduce o libro, dise que Merchi "ten sem- pre pintado un sorriso na cara. Nótase que goza facéndolle a vida máis doce aos demais. Na cociña e na casa flota durante a nosa conversa un recendo bárbaro a canela e a manteiga, porque sempre ten algo tentador no forno… E asegura que o segredo para ser feliz está contado neste libro". Este Nadal non debemos deixar pasar a oportunidade de contaxiarnos desa doenza lambeteira!!!