Mercedes Queixas

Categoría: Recensión

Pasen e lean. Pasen e vexan. O espido de Gina
Miguel Anxo Fernández, autor de consolidada traxectoria como contador de historias, así como de vasta formación e experiencia cinematográfica, proponnos nesta nova entrega narrativa, O espido de Gina, unha ollada retrospectiva á década dos 60, coincidindo cos tan programáticos "25 anos de Paz", que ben podería reconstruír calquera dos escaparates daquel grisallo NODO.
Un triángulo capital constituirá a cerna da arquitectura narrativa nesta vila de Valdesantos que ben podería ser calquera vila galega que teñamos presente no noso imaxinario persoal ou familiar: o Central, o cine onde a imaxinación clarea as sombras e o desexo se converte en realidade; o Café Moderno, espazo para as rexoubas duns e doutros, onde cadaquén se amosa como é e, por iso, as verdades e as tramas inter pares acaban por se desenmascararen por un retórico taberneiro con mañas. E, finalmente, a Igrexa, o lugar onde, onte coma hoxe, pervive o medo, a sombra, a intolerancia, a negación dos corpos e a submisión da muller.
Un narrador de ollada pícara e man guieira convértese en cómplice desta lectura cinematográfica, cunha linguaxe próxima, áxil, en que o humor espontáneo rebaixa, como a necesaria pílula sosegante da dor, a tensión que evidencia as miserias dun tempo real.
Unha galería de personaxes circulan polos escenarios das secuencias, algún case imperceptíbel nas súas pasadas fugaces, mais provocadoramente alborotadoras coa moto pola praza central. Outros, con todo, amosan un perfil máis definido, como é o caso das mulleres da altura, consideradas propiedade do home e dependentes dos mandatos eclesiásticos, coa casa ou a Igrexa como espazo único de habitabilidade e relación social e onde esvarar polas normas impostas conduce á identificación negativa e despreciativa da comunidade.
Personaxes que, en definitiva, perfilan a liña de contraste social dun tempo que, en clave metonímica, fotografaríase entre os representantes e clientes habituais do cine fronte aos mandatarios e fieis da Igrexa, dous espazos condenados a non lles permitir entenderse. Mais, se cadra, incluso as fronteiras divinas poden chegar a derrubarse coa emisión do filme A Nosa Señora de Fátima e conseguir a necesaria reconciliación. Con todo, se a fenda aínda pervivise, podería renovarse o intento coa proxección dun novo filme, Espida fronte ao mundo, con Gina Lollobrigida como protagonista principal.
E se aínda así, finalmente, o milagro non obrase, entón con certeza será a veneradísima imaxe da Virxe Branca quen teña a última palabra para o asombro da cidadanía.
Pasen e lean. Pasen e vexan.

Comparte nas túas redes sociais ou por email