ILUSTRÍSIMA, PRIMEIRA MEMORIA DE CARLOS CASARES
Non sempre resulta doado chegarmos ao quilómetro cero que garde a resposta ás nosas preguntas. Por veces a memoria biográfica (e a lectora tamén) insiste en termar viva nos fíos da vaguidade. E entón os nosos pálpitos perviven no presente nun estado de semiconsciencia apenas explicábel desde a emoción persoal que presidiu aquel momento de descuberta. Porque, do mesmo xeito que acontece coa superación de experiencias iniciáticas que nos conforman como seres humanos completos, as lecturas que facemos tamén forman parte desa dieta evolutiva natural que nos alimenta.
Así é como percibimos a Carlos Casares, desde a descuberta da súa obra narrativa nos anos escolares do xa extinto COU, aquel curso que nos achegaba, sempre de camiño cara á temida Selectividade, á lectura do cánon literario preestabelecido e que, no noso caso, serviu para descubrir todo un mundo literario agardando discretamente para ser descuberto. Xoias literarias xa clásicas (Os vellos non deben de namorarse, Os camiños da vida ou De catro a catro) á par doutros títulos asinados por autores e autoras vivos, eterno prexuízo a derrubar para a mocidade daquel entón como para a actual, mesmo coetáneos dos nosos días e espacialmente próximos (Códice Calixtino, Con pólvora e magnolias e Ilustrísima).
Retomo agora novamente do andel a edición de Ilustrísima, cuxa primeira edición nos remonta ao ano 1980, para descubrir as razóns que xustifiquen a feliz lembranza remota de ter descuberto, desde o efecto sorpresa, nunha aula de lingua a literatura, unha nova narrativa galega.
Os apuntamentos con discreto lapis permanecen intactos nas marxes do exemplar, décadas despois, e hoxe debuxan como un grafiti espontáneo aquilo que no seu día foi descuberta revulsiva para quen, até a altura, sorbía a literatura galega en doses moi pautadas polo currículo escolar.
O protagonismo da curia eclesiástica, dividida e enfrontada por cuestións ideolóxicas e morais que condicionan a interpretación do Evanxeo, e mais o seu inquiridor ascendente sobre aquela sociedade provinciana; o cinematógrafo como fonte de coñecemento e liberdade que traza a fronteira entre o pensamento conservador-intolerante e o liberal-transixente que se adapta á contorna dos novos tempos exento de fanatismos censuradores; o tratamento dos conflitos internos dos personaxes antagónicos por parte dun narrador omnisciente, externo, mais capaz de se inmiscir no seu pensar e sentir, até se posicionar conforme co punto de vista do bispo; a reprodución interrelacionada de linguas diferentes para conseguir un maior efecto de verosimilitude; o carácter deturpador da información desde un enfoque xornalístico non sempre honesto; a ironía e o humor ao servizo da representación caricaturizada da sociedade…
Non tiven o pracer de coñecer persoalmente a Carlos Casares, por iso debo agradecer dobremente á escola galega que, no seu momento, me axudase a aprender a ser e a estar, a procurar o meu camiño desde a autoestima polos valores identitarios propios a partir do traballo das xeracións precedentes, desenvolvido tamén desde o oficio da escrita. A lectura e análise crítica de Ilustrísima, sen dúbida, xunto co canon aberto e ambicioso daquela programación do COU, axudou a guiar os meus pasos cara á tríada que o tempo para min determinaría como compañeira de viaxe: a lectura, a escrita e a docencia.