Esta semana irá chegando ás librerías de todo o país o novo libro de Inma López Silva titulado 'Maternosofía', ou, como a propia autora recoñece, o embarazo da escritora primípara e no que, entre outras cousas, se pregunta se hai equivalencia entre escribir e parir, escrito cunha linguaxe coloquial, como quen dialoga permanentemente con quen le, de tal xeito que o texto flúe ameno, enxeñoso, burlón. Non se trata de exaltar a maternidade senón de exaltar a escritura que dá algo a nacer. Realista, lúcido, reflexivo, bastante desmitificador. Nove meses de sensacións, impresións e cambios: gozar e sufrir coma nunha novela con final feliz. Unha declaración de principios: no parto está a sabedoría. A escritura detense aí, non se pode dicir máis: a historia sae á luz no libro.
O libro busca a continuidade, e o diálogo permanente cos lectores e lectoras, por iso terá o seu espazo propio no blog da Editorial Galaxia, onde, cada martes e xoves, Inma López Silva ofrecerá máis Maternosofía, en forma de post onde irá verquendo a experiencia da maternidade, así como presenza nas redes sociais. En facebook, abonda con buscar polo nome do libro. No twitter @maternosofia
Animádevos a falar coa autora. Esta, tamén vai ser unha experiencia interesante.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR