Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) gañou este martes o Premio Nacional de Narrativa 2022 pola súa obra As malas mulleres, editada por Editorial Galaxia. Concedido polo Ministerio de Cultura y Deporte, o premio está dotado con 20.000 euros. Afincada en Galicia dende 1973 —chegou a Vigo destinada como catedrática no Instituto do Calvario—, sucede a Xesús Fraga, premio nacional o ano pasado pola súa Virtudes (e misterios).
O xurado destaca o seu libro pola “orixinal estrutura híbrida que a converte nunha singular novela histórica sobre a situación carceraria das mulleres no século XIX, un admirable dominio do diálogo e da linguaxe”.
Marilar Aleixandre Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) é feminista; narradora, poeta, tradutora e membro da Real Academia Galega desde 2017. Dona dunha das voces máis singulares das nosas letras, recibiu os máis importantes premios da literatura galega. O seu labor académico na Universidade de Santiago de Compostela, centrouse na argumentación e no pensamento crítico. Editorial Galaxia publicou Mudanzas e outros velenos (2017), que reúne parte da súa obra poética; na colección Costa Oeste, Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros (2017) e A filla do minotauro (2018), Premio Raíña Lupa; na colección Literaria, A Compañía Clandestina de Contrapublicidade (1998), Premio Álvaro Cunqueiro e As malas mulleres (2021), Premio Blanco Amor; e, na colección Feminismos, Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021), xunto con María López Sández.