Estes días irá chegando ás librarías de todo o país unha nova tradución de Darío Xohán Cabana, concretamente, “Claudine na escola”, obra que o chorado autor e tradutor entregou aos editores da Editorial Galaxia meses antes do seu pasamento. Darío Xohán Cabana, que ademáis de brillar como escritor e xestor cultural, cultivou, e con éxito, o seu traballo de tradutor, tiña especial interese nesta obra de Colette. Foi el quen lla propuxo a Francisco Castro, o director xeral da Editorial, pois tiña unha querencia moi especial por esta obra que agora, grazas ao seu bo labor de tradutor, podemos ler en galego.
Pertencente á colección Literaria, esta obra relata o último ano de secundaria de Claudine, de 15 anos, os seus enfrontamentos descarados coa súa directora, a señora Sergent, e os seus compañeiros. En forma de diario, as lectoras e lectores poden asistir ás aventuras da adolescente Claudine na súa vila natal, entre paseos polo bosque, amores platónicos, pelexas e sucesos escolares, que a converteron nunha obra que escandalizou no seu momento polos temas que trataba: amores sáficos, homes viciosos e raparigas desvergonzadas.
Unha novela fresca, divertida e impertinente, xa dispoñible na nosa lingua e no galego fermoso de Darío Xohán Cabana.