A Editorial Galaxia trae ao galego Diario do ano da peste, de Daniel Defoe, da man do tradutor, escritor e xornalista, Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa 2021.
Publicada na colección Literaria do catálogo, esta obra novela o andazo de peste que asolou Londres e a súa contorna entre 1664 e 1666, e ao que, sendo Defoe un neno de cinco anos, sobreviviu. O autor, comparte observacións e memorial dos sucesos máis extraordinarios, tanto públicos como particulares, acontecidos na capital inglesa durante a grande epidemia.
Daniel Defoe, un dos maiores inventores da lingua inglesa, percorre, nestas conmovedoras páxinas, exemplos de humanidade e solidariedade daqueles que se sacrifican polos demais, como tamén daqueloutros miserables que se aproveitan da desgraza allea en tan terribles circunstancias.
Traducida do inglés, A Journal of the Plague Year, por Xesús Fraga, esta obra está máis de actualidade que nunca, tras a pandemia que vivimos en 2020. Heroes, negacionistas, viláns, rexoubeiros e acaparadores pululan nunha dramática narración que volve demostrar que a condición humana pouco mudou co paso dos séculos.
A imaxe da cuberta é da autoría de Rita Gree, “Gran peste de Londres de 1665”, (2009).
Daniel Defoe (Londres 1660-1731) clérigo fracasado, viaxeiro incansable, poeta, espía, revolucionario, panfletista e comerciante de panos e tixolos. A súa vida ben podería dar para unha novela de aventuras como as que escribía, mais pasou á historia da literatura universal polo seu clásico, Robinson Crusoe, unha novela de éxito inmediato xa no seu tempo. Da súa produción literaria destacan Moll Flanders (1722), considerada a primeira novela social da literatura inglesa, Historial xeral dos piratas (1724), obra de referencia sobre a piratería, e Memorias dun cabaleiro (1720), novela histórica sobre a Guerra dos Trinta Anos.