Marcos Calveiro gaña o Premio Repsol de Narrativa

Categoría: Nova

O escritor Marcos Calveiro obtivo o Premio de Narrativa Breve Repsol 2015, que se deu a coñecer hoxe na Coruña, cunha obra arredor da figura de Domingo Fontán, ilustrado galego, matemático e topógrafo que elaborou o primeiro mapa científico de Galicia. En "Fontán" xúntase a peripecia vital dun liberal galego que loitou polo espallamento das ideas da Ilustración no noso país co relato dun tempo convulso —a primeira metade do século XIX— no que a ciencia comeza a abrirse camiño fronte á sociedade do Antigo Réxime.
Novela histórica e, ao tempo, novela de formación, Calveiro consegue un equilibrio perfecto entre a recreación histórica e o retrato da personalidade extraordinaria dun científico que participou na loita polo progreso. O autor consegue transmitir a quen le a paixón polo coñecemento e pola liberdade que move o seu protagonista, quen compartía con outros científicos europeos as ideas máis adiantadas do seu tempo.
O xurado estivo formado por Santiago Lopo, gañador da edición anterior, Olivia Rodríguez González, en representación da Real Academia Galega, Mercedes Queixas, como representante da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Dolores Vilavedra, nomeada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, Isabel San Juan, en representación de Repsol como secretaria con voz e sen voto, e Carlos Lema, en representación de Editorial Galaxia.
O premio está organizado pola Fundación Repsol coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A obra gañadora é publicada por Editorial Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email