Trátase da primeira novela longa do poeta, narrador e diseñador Manuel Janeiro, marcada co seu inconfundible selo de calidade. Un tipo de novela que se botaba de menos no panorama literario galego. Percorrida por unha irónica nostalxia, por un humor intelixente, por un desenfado cotián, ás veces directo e outras sutil, e coa impecable perfección literaria e a sabia sinxeleza á que o autor nos ten afeitos. O desenvolvemento do relato comeza nunha época que algúns vivimos e que moitos desexaron vivir: a década dos 70. Unha época na que se fragua a substancia dos anos futuros. Na que soñabamos esperanzados co novo que nos agardaba. E na que a aura da mocidade corrixía as miserias dun contorno desolado. Un retrato que se estende na novela ata o presente, nun ambiente intensamente universitario e mundano, a través do principal protagonista. É tamén o relato dunha amizade tan profunda como zarandeada polas diferenzas e as distancias das personalidades tan dispares como complementarias dos protagonistas. Para iso Janeiro válese de dous seres fráxiles e ousados. Mozos ilusionados, logo adultos atormentados, pero sempre entregados á paixón de vivir, literaria, intensa e entolecidamente. A magnífica novela é, sobre todo, a historia deses dous personaxes, centrada nun deles, que beben a grolos a vida que os afoga, que nadan en nostalxias de futuros imposibles. Deambulando e entregados ao verdadeiro amor, pero sempre vítimas das súas concretas experiencias amorosas. Perseguindo soños e caendo de bruzos con honestos fracasos. É nas súas frustradas ambicións e nos seus soños onde os dous se atopan e sosteñen a súa fonda amizade, tan intensamente humana. Non é novela de triunfadores ou para triunfadores. É boa novela da boa xente e para aqueles que se empeñen en gozar a vida sabendo que non é posible vivir sen lamentalo. Nos personaxes hai algo de Sísifos ditosos ou polo menos de Sísifos entusiastas. Dous amigos en busca de algo parecido á plenitude ou en busca dun lugar onde situar os seus soños. Cabalgando na esperanza, crendo saber sobre o inefable, amando moito, sufrindo moito, gozando ás veces e sempre moi lixeiros de equipaxe. É o retrato dun tempo e dunhas vidas que, situadas nun momento histórico singular, transcenden da cronoloxía para volverse retrato intemporal de homes que se debaten contra o paso dos anos, que inventan paraísos, que aman cada un ao seu xeito, e sempre sen fortuna, máis aló da infinita paixón con que se entregan ao instante. Novela extraordinariamente lúcida, divertida, melancólica, irónica, culta, sobre dous entrañables tolos aos que só a dor da madurez tráxica castiga coa cordura. Impecable literariamente e chea de calidade humana e de nostalxia, pero sobre todo, de sabedoría. Espléndida, parécenos, esta nova obra de Manuel Janeiro.