Historia de Galicia de Ramón Villares
Como a memoria de cada un de nós, a historia sempre se le de adiante a atrás: buscamos xustificacións e lexitimidades no noso pasado persoal ou colectivo, un discurso de volta á infancia, á tradición, ao coñecido, como se houbese unha época dourada e recuperable.
Ao fío dos acontecementos de hoxe (inicio dun novo Estatuto, por exemplo) imaxinamos a historia como algo que nos liga a un país no que aconteceron sucesos míticos (a II República, o Estatuto e a Guerra Civil de 1936…) protagonizados por seres sobrehumanos (Risco, Castelao, Franco…). Pero a historia non é tanto o que aconteceu senon como nolo contaron e, sobre todo, como estamos de predispostos para crelo ou non.
Sendo certo que a historia é o poder (no século XVI confórmase un bloque social de fidalgos, clero e alta nobreza residual, clase dominante en Galicia ata a Restauración), e tamén a alimentación (a pataca, coñecida no século XVI, pasa de comida de animais á mesa dos humanos aínda no século XIX) ou a economía ("a primeira obriga de todo bo galego é facerse rico", Portela Valladares, 1927).
Por veces, a historia tamén é un conto (a cabeza do conde de Lemos rodando: "credo, credo, credo…"), unha reportaxe turístico/cultural/comercial (o camiño de pelegrinaxe a Santiago) ou unha loita do far west (o xeito contra a traíña).
Todo o imprescindíbel deste imaxinario ao que chamamos Galica está colocado neste libro da Historia de Galicia de Ramón Villares, ao estilo dunha mochila de verán, e pode lerse como unha viaxe hacia atrás -en barco, en tren, a cabalo ou a pé- de cada un de nós: aparecen herois de letra nobiliaria e tamén historias miúdas da pobre xente porque este é unha mestura de relato/documental/álbum para ver e imaxinar, un catalexo máxico que nos transporta por adros e alamedas, castelos e pazos, xeitos e traíñas voando por enriba das augas como nun tendal colorido ao aire do verán.