Manuel Pereira Valcárcel

Categoría: Recensión

Vredaman de Unai Elorriaga chegou a min en forma de regalo amigable, que é un dos mellores xeitos en que poden arribar onda nós os libros.

Levado da recomendación que supón todo agasallo, encetei a súa lectura e quedei prendido nela dende a frase inicial, "As plantas, por exemplo, non beben café con leite", desde esa evidencia, xa me sentín partícipe da conversa suxerida por Tomé, o protagonista da narración. Con el, e á velocidade vertixinosa que impoñen os seus pensamentos, preguntas, ocorrencias e vivencias, sentinme atrapado na peripecia do personaxe. Seducido por un estilo áxil e vibrante, que permite a inmersión nun labirinto antolladizo, mesmo caótico, pero perfectamente organizado e controlado por Unai Elorriaga. Un traxecto no que un atopa confesións persoais, "Eu fago moitos esforzos para ser intelixente, pero algunhas cousas son moi difíciles para min"; ou opinións de imposible refutación, "unha pista de atletismo é unha cousa exacta, unha das cousas máis exactas do mundo".

Non son proclive á disección dos libros e de pormenorizar as súas peculiaridades, de descompoñelos peza por peza e indicar as bondades de cada unha delas para convencer da marabillosa maquinaria. Percibo, nos libros que me gustan, unha atmosfera total que impulsa a miña respiración, unha paisaxe que me gustaría transitar, unha historia que cumpriría compartir. E esta obra posúe atmosfera, paisaxe e historia na que instalármonos.

Aínda así, gustaríame destacar que se trata dunha narración chea de humor, con diálogos enxeñosos, construída con doses ben proporcionadas de veracidade e surrealismo, e da que se pode engadir, sen desvelar nada, que ten un magnífico remate, circular e metafórico. Unha novela espléndida e vigorosa que eu recomendo co mesmo entusiasmo co que me foi ofrecida.

Comparte nas túas redes sociais ou por email