Manuel Janeiro publica 'O sexo masculino dos anxos'

Categoría: Nova

Nunha sociedade que vive os últimos anos da ditadura, no Madrid estudantil de principios dos setenta, comeza unha amizade que se alonga no tempo e na distancia.
Esta é a historia da nova novela de Manuel Janeiro, que se ocupa de dous amigos na xuventude e na madurez, tan diferentes como parecidos, tan complementarios como opostos que, rodeados por unha sociedade desilusionada e chea de oportunistas, semellan anxos inocentes ensimesmados nas emocións e no sentimento, onde amor e sexo, ilusión e fracaso ás veces se confunden na procura dun Amor Verdadeiro.
Manuel Janeiro (Madrid, 1951), avalado por un inxente traballo no eido da gráfica editorial é, sen dúbida, máis coñecido como deseñador que como escritor. Así e todo, a súa primeira publicación, o poemario en castelá Primera edad, viu a luz no ano 1976. O libro, que tivo unha especial recepción xeracional e nel xa aparecen os temas constituíntes da súa obra literaria: a nudez do sentimento poético, a lírica cómplice da natureza, os vencellos parentais, a construción/destrución do amor… Na antoloxía da nova poesía madrileña titulada La banda de Moevius (1976) é o poeta que abre a selección na que se recollen cinco poemas seus, mais ata o ano 1989 non aparecerán, tamén escritos en castelán e publicados en Madrid, os seus Poemas sobreros. E ata o 2006 non publicará o seu primeiro libro de narrativa: Pucho, o habitador dos tellados (Premio IBBY, 2008), ao que seguiu en 2008 A fada das lapas, publicado en Galaxia. Con A abella abesullona sube un chanzo máis que o leva a se converter nunha das voces máis singulares da nosa literatura infantil máis interesante.

Comparte nas túas redes sociais ou por email