Mané Garrincha

Categoría: Opinión



Unha mañá á hora do recreo, saín cara a pista do patio a cumprir a promesa que fixera aos meus alumnos e alumnas: ir a velos xogar un partido de fútbol.

Había unha semana que contabamos cun compañeiro máis, acababa de chegar do Perú. Un rapaz coa morriña instalada nos seus ollos. Cando cheguei as gradas alí estaba el, só. Senteime ao seu carón e propúxenlle que se achegara a xogar ao fútbol cos seus compañeiros. Baixou a cabeza e fixo un non con ela.

Cando pasaran cinco minutos, un dos rapaces que estaba na pista berroulle: Vén xogar con nós, precisamos un mais!

Ao rematar o recreo, o noso novo compañeiro xa estaba falando e sorrindo.

Nese momento naceu “O álbum de Garrincha”.

O fútbol fixera mais pola integración no grupo deste neno, que as estratexias pedagóxicas nas que levaba pensando eu dous días.

E “Mané Garrincha”, o futbolista que cando naceu lle dixeron á súa nai que non lograría camiñar, ao que nada lle foi doado, o que logo se convetiría na “alegría do pobo” e no mellor xogador do mundo; o compañeiro perfecto para axudar a Joao a integrarse no seu novo mundo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email