A banda A Gramola Gominola ofrecerá un concerto de balde hoxe venres a partir das 19h na Galería Sargadelos de Ferrol, no que dará a coñecer algúns dos temas máis representativos do libro-disco homónimo, que fai un repaso por todos aqueles ritmos que marcaron a nenez e a adolescencia dos compoñentes da formación. O pop, o blues, o ska, o funk, o reggae e mesmo o heavy metal están presentes neste álbum que supón a irrupción de A Gramola Gominola no panorama musical galego.
A Gramola Gominola son Paco Cerdeira (guitarra), Anxelo de Xermar (baixo), Ro Muñoz (batería) e Paula Romero (voz). Todos eles cunha ampla traxectoria musical, tendo formado parte de grupos tan coñecidos como Mamá Cabra, Di Elas, Festicultores Troupe, Zënzar ou A Quenlla. Agora, veñen de embarcar neste novo proxecto, da man da Editorial Galaxia, co que segundo eles mesmos apuntan, queren levar o rock aos nenos e nenas. Porque… "se os grandes teñen música con xeito, por que os pequenos e pequenas non poden berrar un HEI, HO, LETS GO?".