Mamá Cabra ultima o seu novo traballo

Categoría: Nova

O calor, impertinente, impenitente, ás veces cruel, pero sempre cómplice, non evitou onte que os compoñentes do grupo de música infantil Mamá Cabra, máis o coro, se entregasen durante a xornada á primeira sesión de gravación do DVD que acompañará ao libro-disco, 'Bicos de música' que a nosa editorial publicará á volta do verán. Nesta produción, a parte técnica está a ser desenvolvida por Pórtico Audivisuales.
Foi unha longa e calorosa xornada, dende o abrente ata o solpor. As rúas e parques de Teo, localidade escollida para esta primeira sesión de gravación, enchéronse de música, coreografías e, sobre todo, de moita risa, elementos, todos eles, que se van ver reflectidos no resultado final que editará Galaxia á volta do verán.
Estamos certos de que este 'Bicos de música' vai ser un dos mellores traballos do grupo musical. Algo difícil de afirmar, sobre todo, despois do alto nivel conseguido cos seus dous derradeiros traballos, 'Ola, ola, la!' e 'Xa me tardan estes Magos', os dous publicados, tamén, en Galaxia.
Agora, dedicaremos o resto da semana a gravar as historias e bailes, as músicas e festa, que agochan estes 'Bicos de música'.

Comparte nas túas redes sociais ou por email