Luís Rei Núñez recolle o II Premio Álvaro Cunqueiro de Novela en Mondoñedo por “Elas dúas”

Categoría: Nova

O escritor e ensaísta Luís Rei Núñez recolleu este sábado en Mondoñedo o II Premio Álvaro Cunqueiro de Novela pola súa obra Elas dúas, nun acto celebrado na Casa Museo Álvaro Cunqueiro e presidido polo alcalde da localidade, Manuel Otero Legide, quen destacou a relevancia do galardón, a elevada participación e a dificultade do xurado para escoller a obra gañadora entre os corenta orixinais presentados.

O autor recibiu emocionado o recoñecemento e definiu o Premio Álvaro Cunqueiro como “un premio moi sonoro dentro do panorama das letras galegas e máis alá das nosas fronteiras, porque Cunqueiro era un gran escritor galego, pero tamén peninsular e europeo”. Engadiu ademais que “permite soñar con que o teu nome está unido ao dunha figura tan incrible, por tanto é importantísimo”.

Durante a súa intervención, Luís Rei Núñez evocou tamén a figura de Álvaro Cunqueiro e a súa relación con Mondoñedo, lembrando que “nos anos de castigo, melancolía e tristeza, entre 1947 e 1961, escribiu aquí miles de artigos”. O autor destacou igualmente que foi nesta cidade onde Cunqueiro asinou obras fundamentais como Merlín e familia ou As crónicas de Sochantre, que lle valeron un lugar de privilexio na literatura galega e europea.

Elas dúas está ambientada na Pontevedra de comezos dos anos cincuenta e relata a historia de amor entre dúas mulleres, África Brea e María Bibiana Mariño, que deben facer fronte ás barreiras sociais, ás diferenzas de clase e idade e ás limitacións legais da época. Segundo explicou o autor, “é un amor prohibido, disimulado, aínda que o peso da novela non é ese, senón o amor entre dúas persoas que o viven superando os atrancos sociais”.

Luís Rei Núñez salientou tamén o papel da cidade dentro da novela: “En Elas dúas hai tres protagonismos: elas dúas e a cidade, que intento recrear no libro como se fose un espello no que se vía a si mesma”. O escritor asegurou ademais que gozou especialmente reconstruíndo a Pontevedra dese tempo, unha cidade que para el ten unha importante carga simbólica e sentimental.

O coordinador da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, Armando Requeixo, repasou durante o acto a traxectoria literaria do autor premiado, mentres que o concelleiro de Cultura, Alberto García Fernández, deu lectura á acta do xurado, que xa destacara no pasado mes de decembro a forza narrativa desta historia de amor entre dúas mulleres “que viven a súa relación alén das convencións sociais da época”.

García agradeceu tamén o apoio da Editorial Galaxia, “referente na literatura cunqueiriana”, responsable da publicación da obra gañadora, así como o compromiso co premio, que celebrou xa a súa segunda edición e terá continuidade nos vindeiros anos.

O director de Edición de Editorial Galaxia, Marcos Calveiro, interveu igualmente no acto, que foi clausurado pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta de Galicia, Sandra Vázquez. Entre as persoas asistentes atopábanse tamén integrantes da corporación municipal, a deputada nacional Cristina Abades e representantes do ámbito cultural como Ramón Reimunde ou Julia Labrador.

Cómpre lembrar que o Premio Álvaro Cunqueiro de Novela foi concedido por unanimidade a Luís Rei Núñez por un xurado integrado por Ánxela Gracián, Rosalía Morlán, Marta Neira, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, actuando como secretario con voz e sen voto Alberto García Fernández.

O xurado destacou da novela “a forza narrativa amosada para reconstruír de xeito maxistral a Pontevedra de mediados do século XX”, así como a capacidade da obra para construír “un vívido retablo de personaxes” no que a amizade, a formación, a raíz familiar e a luz do amor conforman “un admirable retrato do seu tempo e de todo tempo”.

O fallo recoñeceu tamén o esforzo do Concello de Mondoñedo e da Casa Museo Álvaro Cunqueiro na consolidación deste premio, ademais do apoio da Editorial Galaxia e da Secretaría Xeral da Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Luís Rei Núñez (A Coruña, 1958) é un dos escritores e xornalistas galegos máis destacados das últimas décadas. Desenvolveu boa parte da súa carreira profesional na TVG, onde foi xefe da Sección de Cultura. Como narrador, é autor dunha ducia de novelas, entre as que destacan Expediente Artieda (2000), Toda a vida (2005), O señor Lugrís e a negra sombra (2007) ou Monte Louro (2009), obras recoñecidas con galardóns como o Premio Xerais, o Premio da Crítica ou o Premio Blanco Amor, aos que suma agora este II Premio Álvaro Cunqueiro de Novela.

Comparte nas túas redes sociais ou por email