O dramaturgo Carlos Labraña gaña o IX Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño pola obra Sós, segundo acordou por unanimidade o xurado reunido o pasado 21 de maio de 2026 na Biblioteca do IES Ribeira do Louro, no Porriño.
O xurado, integrado por Iván Caloto, Pepa Barreiro, Delio García Represas e Raquel Castro, destacou da peza “que sexa unha obra que aborda un tema de actualidade, a guerra, con especial tenrura e sensibilidade; ademais de pola súa linguaxe poética, escrita cun delicado coidado da lingua”.

Na acta do fallo tamén se subliña que “a dramaturxia xoga cunha estrutura que separa o universo íntimo e o máis social dándolle relevancia a partes iguais e as anotación son en realidade poemas que transmiten un sentimento profundo que te leva á reflexión”.
O xurado considerou ademais que se trata “dunha obra moi acaída para o público xuvenil pola temática actual que trata, tanto para a súa representación como para a súa lectura”.
O Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño recoñece anualmente obras dramáticas dirixidas ao público xuvenil e constitúe unha das iniciativas de referencia no impulso da creación teatral en lingua galega.
“Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario. Asemade, pretendemos honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.”
Carlos Labraña é un dramaturgo especializado en teatro para nenas e nenos. Neste eido acadou diferentes premios, como o Xeración Nós, o Estornela, o Manuel María e O Facho, con pezas que se len e se representan de maneira habitual nos colexios. Dentro da súa traxectoria, pódense salientar: O valo, sobre o drama dos refuxiados; Moito Morro Corporation Sociedade Ilimitada, comedia ácida sobre a crise económica (Premio de Teatro na Gala do Libro, 2017), O Apalpador, sobre o personaxe central do Nadal galego; Estrelecer, peza de misterio con reivindicación feminista (Lecturas dramatizadas da SGAE), Contra o reloxo, que fala do tempo e da perda (Premio Martín Sarmiendo, 2023), Estrela… Fugaz?, sobre a identidade de xénero, e Mambrú volveu da guerra (Premio SGAE 2022), texto para a recuperación da memoria histórica democrática. En 2016 fundou a compañía de teatro Os Furabolos, onde desenvolve tamén as súa facetas como actor e director.