Con esta obra Luís Paradelo sómase á xa ampla nómina de escritores que literaturizaron a cidade de Ourense, desde Álvarez de Nóvoa (Pé das Burgas) até Manuel Guede (Contra Serenou) pasando por Otero, Risco, Casares e, moi especialmente, Blanco Amor; o Ourense de Luís Paradelo lembra bastante o do autor d’A Esmorga; a maior diferenza entre ambos estaría no tempo histórico e na aparición en Paradelo dun centro comercial, inspirado na realidade máis deformada e levándonos a un trasunto da Divina Comedia; as palabras que na obra de Dante figuran na entrada do inferno "Deixade toda esperanza os que entrardes", que Paradelo non cita mais que debemos adiviñar, dan unha idea da obra: de unha lucidez desesperanzada, sen solucións e cun final tráxico e lóxico magnificamente resolto polo autor de forma simbólica.
Unha característica formal de Xelamonite é a ausencia total de antropónimos. Revisando con coidado a obra acharemos os de Eva, Lucy e Tom; o primeiro débese interpretar como nome común que abrangue todas as mulleres e os outros pertencen ao filme O faro das tormentas, filme que o protagonista da obra ve no hospital e que rememorará máis tarde baixo a influencia das drogas. Este filme é tamén unha das chaves da obra pois nel se mesturan, como en Xelamonite, a política, o amor, a violencia e a morte. A ausencia de antropónimos (nin sequera coñecemos o nome do protagonista) contribúe a despersonalizar e, por tanto, xeneralizar o problema principal que o autor tratará na súa obra.
Seguindo con algunhas das características da obra, compre citar que, para alén das viaxes, transcorre en Ourense, Compostela e Nova Iorque, lugares ben coñecidos de Paradelo, algo que nos leva a pensar que estamos perante un relato que ten unha boa parte de autobiográfico, algo moito normal, se considerarmos que é o seu primeiro romance. Esta impresión de autobiografismo está reforzada polo uso constante da primeira persoa polo narrador que só é abandonada, en ocasións, pola segunda, mas unha segunda que é, en realidade primeira (diríxese a el mesmo), esta técnica reduce un tanto a tensión que provocaría o uso exclusivo da primeira persoa e que podería ser difícil de soportar polo lector. Porén, este "autobiografismo" non debe levarnos a engano: simplemente Paradelo coñece de primeira man o mundo de que fala; o que noutro autor suporía un traballo de documentación e investigación no seu caso corresponde a experiencias vividas ou coñecidas. Porén, a autobiografía é a do protagonista, non a do autor empírico. O protagonista narra a partir dunha determinada situación o desencadeamento que o levou a ela, e outros aspectos concomitantes da súa vida. O recurso a autobiografía non é casual, permite un tipo de identificación do lector, e unha proximidade ideal ao que no romance se conta. Mais é preciso termos claro, que o relatado, é ficción, ficción no sentido novelesco, e non un documento, nin un relatorio de experiencias. A ficción, precisa sempre dunha base de experiencia, que pode ter graos diferentes.
Alén diso, na obra óuvense unha serie de voces que non coinciden coa do ambivalente protagonista. Estas voces exprésanse por medio de diálogos que, en ocasións, deben mais á técnica teatral do que á novelística (producíndose unha mestura de xéneros literarios); quero salientar o abandonismo do amigo que lle nega a axuda, o heroísmo da moza e o dogmatismo do "guerrilleiro". As diferentes voces preséntanse cada unha coa súa pretensión de verdade, sen que o autor xulgue nin condene, terá que ser o lector quen tire as súas consecuencias.
Tamén, e falando da súa técnica, hai que decer que o autor-narrador pasa constantemente do plano do real ao do soño ou da ensoñación. No que fai ao tempo do relato este é, mais ou menos, lineal cando o narrador se sitúa no plano do real; mais, cando pasa ao plano do irreal, for nos soños, for nas alucinacións provocadas polas drogas (legais, no hospital, ou ilegais) ou, simplemente nas fantasías do protagonista; son frecuentes as analepses que nos completan a historia ou nos fan coñecer mellor a súa personalidade (especialmente emotivas son as referentes aos seus pais mortos que tamén xogan un rol decisivo no simbólico remate da obra); aínda que haxa outras puramente visionarias. Do ritmo quero salientar que Xelamonite comeza cun tempo lento que se irá acrecentando até ser vertixinoso na súa parte final; consideramos isto outro acerto de Paradelo para a eficacia do seu romance.
O romance de Paradelo documenta a crise de lexitimidade da institución estatal, que experimenta dificultades para impor a súa hexemonía política e social, face a outras propostas políticas e socioculturais … e tamén a crise do nacionalismo, tanto o oficial como o radical. En Xelamonite trátase con valentía a cuestión da violencia revolucionaria, ou da loita armada se se quixer, na Galiza máis actual. Neste aspecto ten bastante que ver coa peza teatral Rastros de Vidal Bolaño quen, como Paradelo, non xulga nin condena, mais a conclusión que tiramos da súa lectura é (en ambos os autores) que, hoxe, se trata de un camiño sen saída que pode desembocar na morte, no escepticismo ou no cárcere, e non na liberdade da Galiza como quererían os partidarios da mesma. Debo dicir que esta conclusión é a que tiro eu mais ao final cada lector pode tirar a súa conclusión, xa que esta non ven imposta polo romance, que se nega a ese tipo de omnisciencia. Coas opinións vertidas no mesmo, o lector ten que facer unha valoración, súa, exclusivamente súa, que en ningún momento foi extraída da romance, porque no romance non se fai.