Luis García Soto gaña o Premio Ramón Piñerio de Ensaio

Categoría: Nova

VIGO, LUNS 19 DE XANEIRO DE 2015, 13,30 h
A obra "Barthes filósofo", da que é autor Luís García Soto, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2014, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 19 de xaneiro de 2015, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela.

O premio desta décimocuarta edición está dotado con 3.000 euros e o ensaio ha ser publicado pola Editorial Galaxia durante este ano.

O xurado valorou especialmente que este ensaio faga unha interpretación, desde Galicia, da obra de Roland Barthes, importante autor cuxo legado está presente na cultura do século XXI. O autor interpreta a produción multidisciplinar de Roland Barthes como a dun auténtico filósofo. Argumentando a través da análise de cada unha das obras de Barthes, o ensaio debulla esta tese, en clave semiolóxica, na procura dun diálogo con quen le.

O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Luís Alonso Girgado, Patricia Arias Chachero, Antón Figueroa, Olivia Rodríguez González e Carlos Lema, como secretario con voz e voto.

Luís García Soto (A Coruña, 1956), realizou estudos de Dereito (licenciándose en 1978) e de Filosofía (licenciándose en 1979 e doutorándose en 1986) na Universidade de Santiago de Compostela. Desde 1989 é Profesor Titular de Universidade de Filosofía Moral no Departamento de Lóxica e Filosofía Moral da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela.

Comparte nas túas redes sociais ou por email