Este sábado, o autor de "Estúrdiga materia", Luís González Tosar recibirá un fermoso recoñecendo ao ser nomeado Fillo Adoptivo do Irixo. A cerimonia celebrarase ás 12.30 nun lugar de nome ben poético, a Ínsua dos Poetas, no quilómetro 4,5 da estrada O Carballiño-Lalín. Este acto está integrado dentro das actividades da I Festa da Palabra.
O poeta Luís G. Tosar naceu en Bos Aires (Arxentina) en 1952. Fillo de emigrantes, trasládase definitivamente a Galicia en 1969. Este poeta iniciou a súa produción literaria na década dos oitenta. O seu primeiro libro, "A caneiro cheo", recibiu en 1986 os premios Esquío e Losada Diéguez. Co seu segundo poemario, "Remol das travesías", obtivo o premio da Asociación de la Crítica Española en 1990. En 1998 reuniu o primeiro ciclo da súa produción poética no volume "Madeira do meu canto / Madera de mi canto", en edición bilingüe, galego-castelán. O seu poemario "Estúrdiga materia" recibiu en 2009 o Premio da Crítica-Galicia. É presidente do PEN Club de Escritores de Galicia e fundador e exdirector da revista Dorna.