Lois Oreiro presentou “Os mundos de agora” en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O ensaio, Os mundos de agora, de Lois Oreiro, co que innauguramos a colección Hoxeéhoxe na Editorial Galaxia, foi presentado na Capela Real do Hostal en Santiago, nun acto no que o autor estivo acompañado por Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Diante dun numeroso público, Oreiro e Castro conversaron sobre como a tecnoloxía está absorvéndonos e cambiando o noso xeito de vivir, nunha sociedade na que o concepto do íntimo esmorece. Hai todo un mundo dixital do que debemos ser conscientes como individuos, no que todas e todos participamos nunha retransmisión permanente das nosas vidas.
Lois Oreiro bota luz no termo transhumanismo, e aborda a cuestión de como as fronteiras entre o dixital e o humano se están a diluír. Un proceso que se vai ligar a necesidades que ninguén discute: a saúde e o emprego. E é que o autor expón como o imperativo sanitario e laboral lexitima modificar a intelixencia, os sentidos ou incluso as emocións. Seremos ciborgs?

Lois Oreiro (Zas 1966) é escritor e xornalista. Traballa na TVG. Licenciado en Ciencias da Información pola UCM, entre 1989 e 2004 foi reporteiro da CRTVG fóra de Galicia e de volta aquí alternou ese labor con colaboracións no utros medios audiovisuais. Publicou artigos en Grial, Diario de Pontevedra, La Opinión de A Coruña, Xornal de Galicia e Avui.cat. É autor do libro Xallas. Teoría da existencia e do poemario Uns ós outros.

Comparte nas túas redes sociais ou por email