A Editorial Galaxia publica o libro de divulgación científica “H2… OH!!!”

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia envía esta semana a todas as librarías de Galicia o novo traballo de María Canosa titulado H2…OH!!! Pingas científicas. Trátase dun libro singular, a toda cor, que a editora viguesa publica fóra de colección nun formato grande. As vistosas ilustracións de Luz Beloso contribúen a explicar todas e cada unha das temáticas científicas das que se ocupa a autora. Ángel Carracedo, un dos científicos máis importantes do noso país, foi o encargado de facer o limiar onde sinala: “Logo de ler este libro, non teño dúbida ningunha de que me gustaría ter a María no meu equipo de investigación, pero parece que a ela lle gusta máis escribir, e alégrame que tamén difundir”.
María Canosa achega, neste libro singular, unha morea de curiosidades científicas relacionadas co noso día a día. A través dun estilo claro e directo, a cativada poderá comprender todas as cousas simples que temos ao noso carón, pero que teñen un funcionamento moi complexo.
Este libro divulgativo pon en valor a disciplina científica e achégaa aos máis novos, nun exercicio de creatividade e proximidade. Unha proposta que axuda a entender o mundo que nos rodea e poñerlle nome ás circunstancias que o forman. Cuestións como o brillo das estrelas, o melanimo nas “panteiras negras” ou por que saen as canas no pelo, son algunhas das preguntas que responde Canosa neste libro.
Cunha escrita intelixente, a escritora amosa unha visión moi orixinal sobre o eido científico. Megullándonos nestas páxinas, fermosamente ilustradas por Luz Beloso, todas e todos poderemos aprender cantidade de cousas novas, converténdonos nun chisco máis libres.
María Canosa é unha das autoras máis recoñecidas da literatura infantil e xuvenil galega. Moi nova comezou a escribir e recibir premios e distincións literarias. Desde entón non deixa de soñar historias, o que deu como froito os preto de corenta títulos que ten nas librerías.
Na Editorial Galaxia, publicou libros como Matías, un pito e campionato, Faíscas, Vagalume de versos, O neno inverno e Candorcas e unicornios.

Comparte nas túas redes sociais ou por email